Un evento sen precedentes tivo lugar o pasado venres no Instituto Camilo José Cela de Padrón, onde máis dun cento de antigos alumnos e profesores de varias promocións de mediados dos anos 70 se reencontraron. A xornada serviu para revivir vellos tempos e, sobre todo, para recordar as orixes do centro da man dos seus protagonistas.
Entre os asistentes atopábase María Isabel Véliz Carril, a primeira directora e fundadora do Instituto, quen aos seus 90 anos non quixo perderse a cita. Ela foi testemuña dos comezos do centro, que naceu en 1967 como un colexio libre adoptado polo Concello de Padrón, operando baixo o amparo dun instituto público estatal. Inicialmente, o centro contaba con catro profesores e aulas baleiras, sen nin sequera cadeiras nin mesas para os alumnos.
A fundadora recordou como, ante a precariedade, contactou con Julio Seage, quen traballaba no Ministerio de Educación. Tras unha visita a Madrid, a situación do centro cambiou radicalmente: "Oh, milagro, ao cabo de 5 ou 6 días, apareceron uns camións de Madrid, do Ministerio, con todo material, dous laboratorios e dúas aulas", relatou emocionada Véliz Carril.
Este impulso inicial foi crucial para consolidar o instituto, que se converteu nun referente na comarca, impartindo BUB durante moitos anos e atraendo estudantes de localidades como Pontecesures, Valga, Dodro, Rois, Teo ou Rianxo. O reencontro, impulsado por exalumnos como Fernando Beteta, foi posible tras unha iniciativa que sorprendeu ao actual director, Rodrigo Ruiz, quen pensou nun principio que se trataba dunha reclamación.
O director destacou a importancia do evento, que permitiu aos antigos alumnos "ofrecer e non pedir", creando unha "colaboración estupenda" e ofrecendo ao alumnado actual unha visión da historia viva do centro. A xornada, descrita como "inolvidable e cargada de emocións", concluíu cunha comida de confraternidade no Hotel Scala.




