A vila de Padrón acolleu unha nova acción do proxecto A vila do mañá, que busca que nenos e adolescentes redescubran a súa contorna a través da creación dun gran taboleiro de xogo inspirado nos elementos patrimoniais, literarios e culturais do municipio.
Esta iniciativa forma parte dun proceso participativo onde a infancia e a adolescencia observan, recoñecen e reinterpretan os espazos da vida colectiva. A través do xogo, o debuxo e a acción no espazo público, o proxecto busca activar unha nova mirada sobre Padrón, considerando aos mozos como axentes activos na construción da cidade.
O taboleiro inclúe referencias fundamentais como a Ponte de Santiago, o Convento do Carme, o Paseo do Espolón, a Igrexa de Santiago, O Pedrón, a Casa de Rosalía de Castro, Iria Flavia, Santiaguiño do Monte, a Praza de Macías e os pementos de Herbón, entre outros símbolos vinculados á memoria de Padrón.
Estes elementos convértense en casillas dun percorrido lúdico que permite recoñecer a vila dende unha perspectiva activa e compartida. O proxecto, dirixido pola arquitecta Sandra González Álvarez, conta co apoio do Ministerio de Cultura e a colaboración do Concello de Padrón.
A vila do mañá propón unha intervención cultural que une arquitectura, educación, participación e espazo público, utilizando o xogo como ferramenta para fortalecer o vínculo co territorio e visibilizar a mirada das novas xeracións.




