A Casa do Rock está a ultimar os detalles para os seus campamentos de verán, unha iniciativa deseñada para achegar a música moderna aos máis pequenos, de 3 a 12 anos, dunha maneira lúdica e divertida. A proposta integra aprendizaxe musical, xogos, expresión corporal e actividades creativas co fin de potenciar o desenvolvemento integral da rapazada.
Os participantes explorarán conceptos fundamentais como o ritmo, o son, a entoación e a coordinación. Tamén terán a oportunidade de experimentar con instrumentos clásicos e modernos, aprender a distinguir diferentes sons e voces, e crear secuencias de movemento inspiradas pola música.
Un dos puntos fortes do campamento será a posibilidade de tocar en grupo, formando pequenas bandas na aula con baterías, ukeleles, baixos, guitarras, teclados e diversos instrumentos de percusión. Ademais, os nenos e nenas coñecerán distintos estilos da música moderna.
Complementando a experiencia musical, haberá obradoiros de manualidades centrados no recoñecemento de notas e figuras musicais, a creación de instrumentos con materiais reciclados, o deseño de chapas personalizadas e actividades para familiarizarse co manexo dos instrumentos.
O custo semanal dos campamentos é de 103 euros, cunha tarifa reducida de 82,40 euros para a semana do 22 ao 26 de xuño.




