O municipio de Rois celebrou o pasado fin de semana o xantar popular do Santo Isidro Labrador, un evento que congregou a unhas 700 persoas e que tivo como momento culminante a homenaxe ao veciño José Luis Franco Pérez. Franco, coñecido por rexentar durante máis de 45 anos a emblemática taberna A Carballeira en Sorribas, recibiu o recoñecemento do Concello polo seu labor como punto de encontro na localidade.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu a alta participación e destacou a figura de José Luis Franco, a quen describiu como "un home ao que todos coñecemos" e cuxa taberna foi un lugar de referencia "para moitos de nós". Na homenaxe tamén estiveron presentes autoridades como a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e rexedores doutros concellos veciños como Padrón, Dodro, Teo e Boqueixón.
José Luis Franco, visiblemente emocionado, agradeceu o xesto e dirixiuse aos asistentes, afirmando que "grazas a todas esas persoas que viñan todos os días ou cando podía, e que me fixeron sentir máis que como un taberneiro, como un amigo ou como un compañeiro". Como lembranza, o alcalde Ramón Tojo entregoulle unha figura dun peregrino.
A xornada tamén marcou o debut do creador de contido Gabi García Calvo como pregoeiro. Natural de Casal de Seira e coñecido nas redes sociais como @gabiii8, García, de 34 anos, expresou a súa emoción por dar o seu primeiro pregón "no pobo onde nacín, me criei, medrei" e onde comezou a súa carreira profesional como educador infantil. Ao remate do seu discurso, recibiu unha escultura dunha labrega, obra de Camilo Seira.
Durante o acto tamén se recoñeceu a tres veciños centenarios do municipio e entregouse o premio do concurso do cartel das festas á deseñadora María Dolores Busto Beade.
A festa continuou pola tarde cun menú composto por empanada, pulpo e carne ó caldeiro, servido pola pulpería Veloso. Pola tarde, a música de Antonio Barros e Ialma, financiada pola Secretaría Xeral da Lingua, animou aos asistentes, mentres que a cativada desfrutou de inchables e obradoiros. A celebración comezara o venres co pasarrúas do grupo de gaiteiros OCT Chorima e a misa solemne, seguida pola verbena nocturna coa Orquestra Saudade e a disco móbil Apocalipsis.




