A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, presidiu a sesión constitutiva do Consello Reitor da Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (Axencia Intecmar) na súa sede de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.
A constitución deste órgano colexiado de goberno marca a culminación da adaptación do instituto á figura de axencia pública autonómica, un proceso aprobado polo Consello da Xunta en cumprimento da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Este novo marco xurídico e organizativo reforza a operativa dun organismo que é referente internacional e Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas. A Axencia Intecmar continuará prestando os seus servizos esenciais de seguimento oceanográfico, vixilancia do fitoplancto tóxico, control de contaminantes e aseguramento técnico-sanitario das zonas de produción de moluscos bivalvos, garantindo a seguridade alimentaria e o rigor científico para o sector marítimo-pesqueiro galego.




