O titular da carteira sanitaria puxo en valor a importancia dos profesionais da atención primaria na comunidade autónoma, especialmente ante a dispersión territorial, o aumento das enfermidades crónicas e o envellecemento da poboación.
Gómez Caamaño sinalou a medicina familiar como unha peza esencial do sistema sanitario galego, e lembrou o Plan de reforma da Atención Primaria e Comunitaria 2026-2030, que prevé un investimento de máis de 320 millóns de euros e a creación de 644 novas prazas estruturais.
Esta reforma busca protexer o tempo de atención clínica, reducir a burocracia, mellorar a organización das axendas e reforzar a capacidade resolutiva dos centros de saúde. Actualmente, estanse a desenvolver experiencias piloto en 14 centros de saúde para avaliar un novo modelo de axendas cun máximo de 30 actos diarios.
O conselleiro tamén referiu a aprobación polo Consello da Xunta da nova estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que reforza o organigrama da atención primaria e comunitaria. Ademais, a Consellería de Sanidade oferta este curso 207 prazas de formación sanitaria especializada en medicina familiar e comunitaria.
Gómez Caamaño rematou recoñecendo o traballo das sociedades científicas na formación continuada e na mellora da práctica clínica.




