A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolveu estender por un prazo de 10 anos o título de ocupación, que o promotor solicitara prorrogar en 2017. Esta prórroga é unha modificación substancial da concesión inicial outorgada en 1962.
Da superficie total incluída na resolución, 160 m2 corresponden á explanada construída e parte do galpón, mentres que os 80 m2 restantes son para as tubaxes de captación de auga mariña. Estas infraestruturas son consideradas esenciais para manter a actividade da instalación.
A solicitude de prórroga foi presentada inicialmente polo promotor ante Costas do Estado no ano 2017. O expediente chegou á Xunta en setembro do ano pasado, despois de que a administración autonómica asumise o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión do litoral.
A cetaria, que conta cun cocedoiro para produtos da pesca e da acuicultura, é coñecida na provincia de Pontevedra por estar asociada a un popular restaurante localizado na mesma zona.




