O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou que a Consellería está a realizar no Salnés un total de 20 obras en centros escolares, cun investimento global que supera os 8,8 millóns de euros. Esta cifra inclúe sete intervencións de gran envergadura, que suman máis de 8,3 millóns de euros, e outras 13 reformas de conservación e mellora ao abeiro do Plan Ben_Estar 2026, cun investimento superior aos 500.000€.
Durante unha visita á ampliación do Colexio Rosalía de Castro no Grove, unha das actuacións de gran envergadura, o conselleiro sinalou que o Goberno autonómico está a avanzar na reforma e modernización dos edificios educativos e na creación de novos espazos. Entre as intervencións de maior calado atópanse a ampliación do Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa (máis de 3,7 millóns de euros), e a rehabilitación integral do Centro Público Integrado de Cuntis (preto de 2 millóns de euros).
Ademais, aproveitando o período estival, estanse a desenvolver 13 obras de menor entidade nos centros da zona, como a renovación de baños, reparación de cubertas ou mellora de peches. No Grove, concretamente, estanse a executar obras no Colexio As Bizocas, no Plurilingüe Conmeniño e no IES Monte da Vila, cun investimento superior aos 125.000€.
A ampliación do CEIP Rosalía de Castro, que xa supera o 40% de execución e se prevé rematar antes de finalizar o ano, dotará ao colexio dun novo edificio de dúas plantas. Este albergará un comedor de maior capacidade e un ximnasio, ademais de vestiarios e almacéns, incorporando criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade.




