A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu unha xornada centrada nas macroalgas galegas e a innovación alimentaria. A iniciativa, organizada polo grupo de investigación TEZE (Tecnoloxía Enzimática e Bioestruturas) da Universidade de Vigo e dirixida polas investigadoras María Luisa Rúa e Ana Torrado, contou co financiamento do Campus Auga, un proxecto de especialización do campus de Ourense financiado pola Xunta de Galicia.
María Luisa Rúa, investigadora do grupo TEZE, destacou que, aínda que Galicia non ten unha tradición de consumo directo de algas tan forte como outros países asiáticos, as algas mariñas están moi ligadas á nosa relación co mar e coa terra. A xornada buscou fomentar a conexión entre investigación, empresa e sector primario, reunindo diferentes perspectivas sobre este recurso para atopar novas respostas científicas e tecnolóxicas.
Alberto Vaquero, director do Campus Auga, puxo en valor o traballo do grupo TEZE e subliñou a pertinencia da temática, afirmando que explorar o potencial das macroalgas permite "mirar o mar desde unha perspectiva renovada, incorporando coñecemento científico, innovación e tecnoloxía". Sinalou que as algas mariñas constitúen "un recurso biolóxico de enorme interese".
A xornada contou con varias intervencións clave. Martiña Ferreira, investigadora do Anfaco-Cytma (Vigo), falou sobre a biodiversidade, sostibilidade e potencial alimentario das macroalgas das costas galegas. Raquel Liébana, investigadora do Centro Tecnolóxico AZTI (Rede Vasca de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación), presentou unha conferencia sobre biotecnoloxía azul e a obtención de compostos bioactivos a partir de macroalgas. Tamén se presentaron proxectos desenvolvidos polo grupo TEZE da UVigo, o Grupo Exprela (da Universidade da Coruña) e Anfaco, coa participación de Andrea Rodríguez (UVigo) e Manuel Becerra (UDC).
A actividade concluíu cunha mesa redonda moderada por María Luisa Rúa e Ana Torrado sobre os retos e oportunidades para a industria alimentaria galega. Nela participaron Julio Martínez (CEAMSA), Miguel de la Calle (Chorima Cosmética Atlántica), representantes da Cofradía de Pescadores de A Illa de Arousa, Martiña Ferreira (Anfaco-Cytma), Raquel Liébana (Centro Tecnolóxico AZTI) e Manuel Becerra (UDC).




