A medida, que xa superou o primeiro trámite co voto favorable do PP e a abstención do PSOE e BNG, busca establecer un sistema de control sonoro máis efectivo. Tras un período de exposición pública dun mes para posibles alegacións, a normativa será elevada ao pleno para a súa aprobación definitiva.
O proceso parte de estudos encargados polo Concello que confirmaron unha "superación xeneralizada e sostida dos obxectivos de calidade acústica" nas zonas residenciais afectadas. Os datos revelan que os niveis de ruído nocturno exceden significativamente o límite de 55 dB(A) establecido pola normativa autonómica.
O goberno local subliñou que o ocio nocturno é "un dos recursos turísticos de Sanxenxo" e que, aínda que forma parte das vacacións, "non pode ser a costa do descanso de veciños e visitantes". Argumentaron a necesidade de "coidar o ocio nocturno, pero tamén de ordenalo" para respectar o dereito ao descanso das familias.
Destacaron ademais o "esforzo importante" realizado polo Concello dende 2016 para mellorar a situación, incluíndo a implicación directa do alcalde e concelleiros, e o incremento de policías e recursos materiais. A creación da ZPAE preséntase como "un paso máis" para fomentar a responsabilidade de locais e clientes.
Noutra orde de asuntos, o pleno tamén aprobou a actualización do pago mensual á concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, que aumenta de 136.311 € a 163.743 €. A empresa, pola súa banda, comprométese a adquirir 210 novos contedores, cun investimento de 125.000 € máis IVE.




