O vilagarcián Marcos Calveiro (1968) foi designado novo director xeral de Editorial Galaxia. A decisión, tomada polo Consello de Administración na reunión do pasado 28 de maio, farase efectiva o vindeiro 1 de xullo. Calveiro xa ocupaba dende 2022 o posto de director de edicións na editorial.
Este nomeamento prodúcese tras a decisión de Xosé Manuel Soutullo de retirarse, unha vez considerados cumpridos os obxectivos marcados ao asumir a dirección da empresa editorial. Soutullo traslada a súa vontade de xubilarse ao Consello.
Marcos Calveiro, licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, é unha figura recoñecida na literatura galega contemporánea, especialmente na narrativa xuvenil. Ao longo da súa traxectoria, recibiu numerosos galardóns literarios, entre os que se atopan o Premio Ala Delta de Literatura Infantil, o Premio Barco de Vapor, o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, o Premio Narrativa Breve Repsol e o Premio de Novela García Barros.
Durante a súa etapa como director de edicións en Galaxia, a editorial impulsou a incorporación de novas voces narrativas e apostou por formatos como os audiolibros e a lectura fácil, ademais de diversificar o seu catálogo. Calveiro tamén forma parte da xunta directiva da Asociación de Editoras en Lingua Galega e representa a Editorial Galaxia en diversos xurados literarios.




