A Deputación de Pontevedra destacou a importancia do programa Provincia +Inclusiva, que este ano destina 210.000 euros a entidades sen ánimo de lucro para promover a accesibilidade integral na provincia.
Durante unha visita á capital do Salnés, o deputado provincial Javier Tourís subliñou o impacto destas axudas na mellora da calidade de vida das persoas usuarias e o fomento da súa autonomía persoal en igualdade de condicións.
No marco desta iniciativa, a Fundación Residencia Divina Pastora recibiu unha subvención de 10.000 euros. Estes fondos destinaranse á implantación dun novo sistema de comunicación entre os pacientes e o persoal de enfermaría.
Este novo sistema substituirá ao anterior, que se consideraba insuficiente para cubrir as necesidades actuais dos usuarios, especialmente aqueles con dependencia elevada, deterioro cognitivo ou mobilidade reducida.
O programa Provincia +Inclusiva, que incrementou a súa dotación preto dun 17% respecto ao ano anterior, está dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia. As axudas poden ser para obras de accesibilidade, redacción de proxectos técnicos ou adquisición de sistemas de apoio á mobilidade e comunicación.




