O arrestado está acusado de subtraer diversos terminais dun establecemento de telefonía no que traballara con anterioridade. Segundo informaron fontes do instituto armado, o valor de venda ao público dos móbiles roubados ascende a 23.000 euros.
O individuo, que xa posúe antecedentes por feitos similares, aproveitou o seu coñecemento das instalacións e dos sistemas de seguridade para acceder ao local en varias ocasións. A investigación comezou tras a denuncia presentada polos responsables do comercio, que detectaron a desaparición de varios terminais de alta gama sen que houbese signos de forzamento no establecemento.
As pescudas levadas a cabo polo Equipo de Investigación permitiron identificar o exemplegado como o presunto responsable das subtraccións. Ademais, os axentes descubriron que os terminais roubados eran posteriormente vendidos nun establecemento de compra e venda de segunda man situado en Vigo, o que facilitou o avance das dilixencias e a recuperación dalgúns aparellos que aínda non foran postos á venda.
Os feitos investigados foron postos en coñecemento do Tribunal de Instancia Sección Civil e de Instrución Praza de Garda de Cambados, onde o presunto autor deberá comparecer cando sexa citado para tal efecto.




