A Deputación de Pontevedra destinará 130.000 euros á mellora de dúas vías en Vilagarcía de Arousa: o camiño da Renza, na parroquia de Sobrán, e a travesía Nogueirido, en Bamio. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres a achega, que forma parte do Plan +Provincia 2026-2027.
O deputado provincial Javier Tourís visitou o concello e anunciou que esta actuación busca mellorar a seguridade e a comodidade das vías. O Plan +Provincia destinará un total de 2,6 millóns de euros a Vilagarcía de Arousa sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027.
No camiño da Renza realizarase unha rehabilitación superficial que inclúe limpeza, fresado do asfalto antigo, regularización da rasante e a colocación dunha nova capa de rodadura de 5 centímetros. Tamén se renovarán os elementos de drenaxe e repintará a sinalización.
Pola súa banda, na travesía de Nogueirido levarase a cabo unha intervención integral desde a base, con escavación, colocación dunha nova fundación de saburra artificial compactada, pavimentación asfáltica e sinalización definitiva.
“"Cos recursos provinciais estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza."
Javier Tourís destacou que plans como o +Provincia impulsan actuacións relevantes que melloran infraestruturas municipais fundamentais no día a día da xente.




