A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe o labor que realizan entidades coma TDAH Salnés na visibilización do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH) e na sensibilización sobre a súa incidencia diaria.
Abeijón lembrou que a Xunta traballa co tecido asociativo para ofrecer ferramentas, servizos e solucións ás persoas con TDAH e ás súas familias.
Esta colaboración materialízase en achegas económicas para programas de atención e formación, co obxectivo de promover a inclusión e integración das persoas con este trastorno. A Xunta comprometeuse a seguir reforzando estas axudas a través da orde de axudas con cargo ao IRPF e colaborará na organización das xornadas anuais da entidade en outubro, con motivo do Día do TDAH.




