O proxecto 'Talentos Inclusivos', unha iniciativa do Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) e ASPACE Coruña, realizou unha viaxe a Guatemala. Esta experiencia enmárcase no marco do IV Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, recibido o pasado mes de maio.
O galardón, promovido pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Xunta de Galicia, permite que dous docentes dos proxectos gañadores coñezan sobre o terreo o traballo da cooperación galega e participen en actividades de intercambio. Nesta ocasión, Javier Pereira e Irene Brage representaron a 'Talentos Inclusivos', presentando a súa metodoloxía en innovación educativa, inclusión e sensibilización social.
A viaxe, que tivo lugar do 17 ao 25 de agosto, incluíu visitas a centros educativos e comunidades en Jocotán, un encontro coa organización Kaqla e actividades no lago Atitlán e na Cidade de Guatemala. Tamén se visitou o Centro Universitario de Oriente (CUNORI) da Universidade de San Carlos de Guatemala e a librería Catafixia.
Durante a estancia, os representantes puideron coñecer iniciativas educativas e sociais guatemaltecas, intercambiar experiencias e metodoloxías con entidades locais. Destacou o encontro con Kaqla, que traballa coa cosmovisión maia, e a visita a escolas rurais en Jocotán, coñecendo melloras en saneamento e enerxía grazas ao acompañamento de Mejorha.
No lago Atitlán, coñeceuse o traballo de mulleres artesás de Atípica, unha marca ética de roupa. A delegación tamén participou na entrega de diplomas a voluntarios do Instituto Guatemalteco de Educación Radiofónica (IGER), no marco dun programa de formación da Universidade da Coruña.
Javier Pereira destacou o valor da experiencia para coñecer realidades educativas e sociais e establecer un diálogo sobre educación, participación e inclusión, así como para trasladar a experiencia acumulada polo proxecto desde a súa posta en marcha en 2020.
O proxecto 'Talentos Inclusivos' busca espertar vocacións STEM entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade, desenvolvendo solucións tecnolóxicas a retos propostos por persoas con parálise cerebral. Conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia e a FECYT.




