A campaña de 'Volta ao cole' en Vilanova de Arousa, impulsada pola Asociación de comerciantes Vilanova Centro e apoiada pola Xunta de Galicia, foi posta en valor hoxe polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. Esta iniciativa forma parte dun programa de dinamización dirixido a federacións e asociacións de comerciantes de ámbito supramunicipal, e conta co financiamento do Consorcio do Comercio do Salnés.
Gabriel Alén animou á clientela local a adquirir o material escolar necesario para o curso nas tendas de proximidade. Como incentivo, os compradores recibirán invitacións para asistir á festa final que se celebrará en Vilanova o mércores 16 de setembro. Para as localidades da Illa de Arousa e Ribadumia, as festas terán lugar xa este venres 11 de setembro, mentres que en Meis será o venres 18 e en Meaño o domingo 20.
O Consorcio do Comercio do Salnés programou actividades como música, animación, inchables e festa da escuma co obxectivo de dinamizar o comercio nun ambiente festivo que involucre ás familias da contorna.




