O delegado da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Castrelo de Miño para supervisar os traballos de conservación na senda peonil da estrada OU-404, no núcleo de Barral. A actuación contou cun investimento autonómico de máis de 20.000 euros.
Os traballos consistiron na construción dunha gabia en formigón lixeiramente armada sobre unha superficie de 120 metros lineais, entre os puntos quilométricos 31+490 e 31+780. Para a súa execución realizouse un corte lonxitudinal, escavouse o sobreancho preciso, reparouse puntualmente o muro de contención da estrada e instalouse un tramo de 18 metros de tubería para a recollida de augas pluviais.
Manuel Pardo lembrou que xa no ano 2025 se realizou outra intervención nesta senda cun investimento de preto de 50.000 euros da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Esa actuación consistiu no acondicionamento como senda cuneta do espazo dispoñible na marxe da estrada, entre os puntos quilométricos 31+490 e 31+780, co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil entre o núcleo de Barral e a intersección coa estrada OU-402.
Esta senda cuneta conectou as beirarrúas existentes na intersección coa beirarrúa próxima á igrexa de Nosa Señora dás Neves de Barral, salvando a entrada ao santuario e continuando sen interrupción. Modificouse a inclinación dos noiros para facilitar o acceso de vehículos a propiedades e aproveitouse para dispor de arquetas-sumidoiros e un novo colector de pluviais.
Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da Xunta, que xa planificou e executou 300 km de itinerarios peonís e ciclistas. O delegado destacou o compromiso da Administración autonómica coa mobilidade sostible e segura, ampliando a rede de sendas nos concellos co máximo respecto á contorna e coidando a integración paisaxística.
Os Orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 263 M€ para seguir avanzando en infraestruturas, incluíndo novas sendas, conservación de viarios autonómicos cun investimento récord de 71,6 M€ e a suma de novos quilómetros nas estradas de altas prestacións.




