A cultura do mar desembarcou hoxe na área recreativa da Veronza, en Ribadavia, da man dos obradoiros educativos do proxecto Movemento Azul da Xunta. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou nun campamento municipal de verán para coñecer de preto esta iniciativa que busca achegar o coñecemento, os valores e as oportunidades profesionais do litoral aos concellos galegos, incluídos os do interior.
Un total de 56 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 7 e os 11 anos, convertéronse nun laboratorio mariño ao aire libre, descubrindo que a actividade pesqueira e a conservación dos océanos son ámbitos con futuro e innovación. A través do programa Un Mar de Profesións, foméntase que os escolares se convertan en protagonistas de tarefas reais do sector.
A dinámica desenvólvese en tres estacións de traballo equipadas con materiais sostibles fabricados con subprodutos mariños, como cunchas de mexillón e cáscara de arroz. Os participantes aprenden a interpretar cartas náuticas para trazar rutas de navegación, utilizan calibres reais para verificar tallas mínimas de mariscos e peixes, e aplican o método científico para identificar a biodiversidade das rías galegas.
Ao superar cada proba, os nenos e nenas selan o seu Pasaporte de profesións do mar, un documento simbólico que os acredita como novos embaixadores e coidadores do litoral.
A parada en Ribadavia marca o ecuador da xira de verán do Movemento Azul, un proxecto enmarcado na Estratexia de Economía Azul da Xunta de Galicia. Esta iniciativa percorrerá ata o 6 de agosto un total de 10 campamentos municipais e autonómicos nas catro provincias, co obxectivo de superar os 700 participantes e promover a remuda xeracional no sector mariño.




