A illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, volve ser protagonista na investigación micolóxica internacional coa descrición dunha nova especie de fungo para a ciencia: Xylaria polyphaga. Este achado, publicado na revista Life, forma parte dun estudo centrado na diversidade do xénero Xylaria nos bosques de laurisilva atlántica europea, onde se identificaron oito especies novas. Xylaria polyphaga, descuberta en Cortegada, tamén se atopa noutras áreas de valor ecolóxico como as laurisilvas dos Azores e das Illas Canarias, e nos bosques de néboa do Parque Natural dos Alcornocales.
Este descubrimento converte a Xylaria polyphaga na sétima especie nova para a ciencia atopada na Illa de Cortegada, reforzando o seu papel como un dos espazos máis relevantes para o estudo da biodiversidade fúnxica en Europa. A nova especie distínguese pola súa capacidade de desenvolverse sobre diversos substratos vexetais, unha característica pouco común no seu grupo que inspirou o seu nome científico, 'polyphaga'.
Con sete especies novas descubertas nun territorio de tan só 44 hectáreas, Cortegada representa un caso excepcional a nivel europeo e internacional. Estes traballos permitiron documentar máis de 1.000 especies de fungos na illa, o que supón aproximadamente a metade das rexistradas en toda Galicia. Esta riqueza biolóxica é notable dada a reducida superficie da illa e supera a diversidade doutros espazos naturais moito máis extensos.
A distribución coñecida de Xylaria polyphaga mostra unha forte asociación cos ecosistemas húmidos de influencia atlántica, dende as laurisilvas macaronésicas ata os bosques relictos do sur da península ibérica. Esta conexión subliña a importancia destes hábitats como refuxios de biodiversidade e reservorios de especies aínda descoñecidas.
“"Cada nova campaña de mostraxe continúa revelando o extraordinario patrimonio natural que alberga Cortegada. A illa constitúe un laboratorio natural excepcional para comprender a diversidade fúnxica dos bosques atlánticos e a súa evolución ao longo do tempo."
As condicións ambientais, forestais e históricas da illa, incluíndo unha das mellores representacións de laurisilva atlántica de Europa, favoreceron a conservación dunha comunidade fúnxica de gran singularidade. Isto converte a Cortegada nun enclave de referencia para a investigación micolóxica e a conservación da biodiversidade.
O investigador tamén anunciou que nos próximos meses se publicará a súa tese doutoral, froito de anos de estudo sobre a biodiversidade fúnxica dos ecosistemas de laurisilva atlántica. O traballo incluirá datos inéditos e descubrimentos relevantes que ampliarán o coñecemento sobre estes hábitats e a riqueza micolóxica da illa.
A sucesión de novos descubrimentos confirma a Illa de Cortegada como un tesouro biolóxico de relevancia internacional, reforzando a necesidade de preservar este ecosistema único para a biodiversidade galega e europea.




