O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de premios da sexta campaña Merca no teu comercio na provincia de Ourense. A acción, desenvolvida entre o 1 e o 15 de xullo nos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, A Arnoia, Cenlle e Leiro, busca dinamizar o comercio local e impulsar as vendas nos establecementos da contorna.
A iniciativa forma parte da colaboración entre o Goberno autonómico e a Federación Galega de Comercio. O obxectivo é apoiar os negocios de proximidade, especialmente nos municipios rurais que non contan con centros comerciais abertos. Ata o momento, rexistráronse máis de 58.000 tíckets en toda Galicia, dos cales uns 11.600 corresponden á provincia de Ourense.
Gabriel Alén destacou a ampla capilaridade territorial da campaña, que se compón de dez accións quincenais por provincia ata outubro. Repartiranse un total de 40.000 euros en premios, distribuídos en 800 tarxetas prepago. Os gañadores rexistraron as súas compras na páxina web da iniciativa.
A campaña presta especial atención aos municipios do rural, contribuíndo a incentivar o consumo nos negocios de proximidade. A próxima cita en Ourense terá lugar do 1 ao 15 de setembro en Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Parada de Sil, A Teixeira e Manzaneda.
A Xunta tamén promove o proxecto piloto Vilas Vivas en Ribadavia, enfocado na revitalización comercial de vilas senlleiras, e o programa Domingos Vivos, que combina novas aperturas con actividades culturais e gastronómicas para fomentar o consumo local.




