O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou na presentación do evento. O festival celebrarase no Campo do Cabalo, en Laias, no marco dos Concertos do Xacobeo de Turismo de Galicia.
Tras a pasada edición en Castrelo de Miño, Cenlle acolle este ano a iniciativa, que pasará á Arnoia en 2027, consolidando unha fórmula de colaboración entre os tres concellos promotores.
González destacou o festival como un exemplo de cooperación territorial e de posta en valor dos recursos propios, aliñándose coa Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. A iniciativa combina o viño da Denominación de Orixe Ribeiro coa gastronomía, a música, a artesanía, os produtos de proximidade, a cultura e o patrimonio.
Salientou a capacidade deste tipo de eventos para xerar actividade económica, atraer visitantes e fortalecer o tecido empresarial local. Ademais, o festival e a propia DO Ribeiro contribúen ao fomento da música e da cultura en lingua galega, reforzando a identidade territorial.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración colabora a través da Fundación Artesanía de Galicia, ofrecendo dous obradoiros gratuítos de cianotipia e serigrafía sobre téxtil. Tamén se sumarán artesáns adheridos ao selo Artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria, así como produtores agroalimentarios con distintivos de calidade, co apoio da Consellería do Medio Rural.




