A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, compareceu na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo, do Parlamento de Galicia para informar sobre o estado de tramitación das propostas de reversión ao Estado de terreos portuarios declarados innecesarios para a actividade sectorial. Botana confirmou que xa se tramitaron as solicitudes presentadas polos 25 concellos que reclaman o cambio de titularidade sobre estes terreos.
Botana lembrou que se acordaron 22 propostas de reversión nos municipios da Guarda, A Pobra do Caramiñal, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, A Illa de Arousa, Laxe, Moaña, Mugardos, Oleiros, O Grove, Poio, Ponteceso, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. En dous casos, Corcubión e Viveiro, acordouse non reverter os terreos, e no caso de Burela, un dos terreos solicitados non pertence ao dominio público marítimo-terrestre.
A presidenta expuxo o traballo administrativo realizado pola Xunta de Galicia, agradecendo a colaboración institucional dos alcaldes e alcaldesas implicados.
A Xunta tramitou as solicitudes en tres fases, trasladando as primeiras nove propostas ao Estado en abril de 2025, as oito da segunda fase en setembro de 2025, e as últimas remitiranse nas vindeiras semanas. Polo momento, Portos de Galicia segue sen ter resposta do Goberno central.
Ademais, Natalia Botana respondeu sobre o proxecto de mellora dos firmes no porto de Covelo, en Poio. Portos de Galicia investirá 200.000 euros nun contrato global de reparación de pavimentos que se licitou o pasado 5 de outubro, complementando a actuación do Concello de Poio, que investirá 250.000 euros.




