O club marinense optou finalmente por non presentar os avais necesarios para participar en Segunda FEB, a pesar de ter o dereito deportivo para facelo. A decisión tomouse tras valorar as condicións económicas, que inclúen non só os avais, senón tamén os custos de competición, as fichas dos xogadores e os desprazamentos.
A competición de bronce española carece de conxuntos galegos e ten moi poucos representantes das rexións veciñas, o que implicaría longas viaxes. Por iso, a entidade inscribiuse na Terceira FEB, á espera do peche do prazo de inscripcións o próximo día 17 e da confirmación oficial dos grupos por parte da Comisión Deportiva da FEB.
Esta será a sexta tempada consecutiva do club na liga, onde destacou pola súa regularidade, disputando dúas fases finais polo ascenso e unha fase preliminar de play-off nos últimos cinco cursos. Non obstante, o salto de categoría é complicado pola gran cantidade de equipos na liga, con 140 conxuntos buscando seis prazas de ascenso.
Tras determinar o seu destino deportivo, o club xa traballa na parcela técnica. Aínda que non hai confirmación oficial de novas fichaxes para o primeiro equipo, a dirección deportiva está a reforzar os equipos técnicos das categorías inferiores, co obxectivo de mellorar a base e acadar niveis de competitividade similares aos de hai anos.




