O Centro Social do Mar acolleu a presentación das actividades, que se impartirán tanto no centro da vila como nas parroquias de Cela e Beluso, e no lugar de Meiro. En total, serán 13 grupos con 325 persoas en horario de mañá e tarde no centro urbano, ás que se sumarán as das parroquias e as clases específicas para persoas afectadas polo Parkinson.
O alcalde, Félix Juncal, destacou o "compromiso do Concello de Bueu coas ximnasias que axudan a tantas persoas da vila a incrementar a actividade física e a mellorar a saúde". Explicou que as clases volven este ano ao Pavillón Municipal Pablo Herbello e ao Centro Social do Mar, tras varios anos na piscina municipal.
As actividades nas parroquias estrearán o rehabilitado Pavillón de Beluso, mentres que en Cela continuarán no Centro Sociocultural do Torrecino e en Meiro na casa da Aldea. Estas localizacións nas parroquias implican un menor número de participantes por grupo en comparación coas de Bueu e Beluso.
O acto tamén serviu para recoller suxestións das persoas usuarias e aclarar dúbidas. O rexedor avanzou que o Concello traballa en novas accións de lecer e fomento de hábitos saudables que se anunciarán nos próximos meses.




