A terceira edición do Festival Cine de Mar, que se desenvolve esta semana en Marín, tivo este venres un protagonismo especial coa participación de nenos e nenas dos centros educativos da vila. Na recta final do evento, que culminará coa gala de entrega de premios, a organización quixo dedicar unha xornada aos máis novos, máis aló da Sección Ensino celebrada o pasado martes.
A Biblioteca Municipal, centro neurálxico do cine durante esta semana, acolleu a actividade Escola de Cine de Mar, unha das novidades deste ano. Dende as dez da mañá, os participantes gozaron de diversas proxeccións, incluíndo as pezas Homo Plastic, Marinero en tierra e L'oeuvre vive. Un dos momentos máis destacados da mañá foi o contacontos a cargo de Barafunda Animación coa historia 'Xan das Ondas'.
Pola tarde, proxectáronse as últimas obras da Sección Oficial Ficción, como Fenicia e Memòrias com vista pro mar. Posteriormente, tivo lugar a proxección do filme de clausura, San Simón, que contou coa presenza do seu director, Miguel A. Delgado, o actor local Celestino Fuentes e representantes da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.
A Biblioteca Municipal será tamén o escenario da gala de entrega de premios este sábado. Previamente, pola mañá, o Espazo Emprendedor do Parque Azul acollerá ás 11:00 horas o showcooking 'Galicia sabe a mar', impartido polo chef Marcos S. Area do Restaurante É, cun aforo limitado a 40 prazas e inscrición previa.
A partir das 19:30 horas, celebrarase a cerimonia de clausura coa entrega dos premios Sardiña de Ouro, Rañorte de Ouro, Polbo de Ouro e Rodaballo de Ouro, ademais do Premio do II Certame de Fotografía do Mar. As obras finalistas deste certame poderán visitarse nunha exposición no Museo Manuel Torres ata o domingo. O acto contará coa actuación de As Ferriñas e será presentado polo xornalista local Carlos Prado, quen tamén conduciu o acto inaugural o pasado luns no Cine de Seixo. O domingo, o festival pecharase cunha visita á Illa de San Simón, con 110 prazas dispoñibles e inscrición previa.




