O Concello de Marín acolle dende hoxe o novo Obradoiro Dual de Emprego, no que participarán vinte alumnos traballadores durante os próximos 9 meses. A formación centrarase nas especialidades de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais e Cociña.
O acto de inauguración tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e contou coa presenza da alcaldesa, María Ramallo; a concelleira de Promoción Económica, Beatriz Rodríguez; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández; o director do obradoiro, Óscar Rey, e o equipo docente.
“"A formación é a mellor ferramenta para abrir novas oportunidades laborais e para responder ás necesidades reais do tecido económico e social."
A alcaldesa destacou a importancia da formación de calidade para a inserción laboral, subliñando a alta demanda de profesionais cualificados nos sectores da atención sociosanitaria e da hostalaría. Ramallo sinalou que estes son "dous sectores estratéxicos para Galicia e para Marín, con amplas posibilidades de emprego".
Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta, Pablo Fernández, animou aos participantes a aproveitar a oportunidade para adquirir coñecementos e experiencia, e destacou os tres piares do éxito destes programas: o compromiso das administracións, o labor do equipo docente e a implicación do alumnado.
Este é o segundo Obradoiro Dual de Emprego que o Concello de Marín pon en marcha, cun investimento de 454.552 euros financiados pola Xunta de Galicia.
A especialidade de Atención Sociosanitaria impartirase nas instalacións do Colexio San Narciso, mentres que a formación de Cociña terá lugar nas cociñas do Espazo Emprendedor do Parque Azul.




