O Colexio Público do Sequelo, en Marín, acolleu unha xornada do programa de divulgación infantil e xuvenil Movemento Azul da Xunta, impulsado pola Consellería do Mar. O obxectivo é conectar ás novas xeracións cos recursos, profesionais e posibilidades de futuro que ofrece o litoral galego. Máis de medio cento de escolares de entre 7 e 11 anos participaron nos obradoiros didácticos de Un Mar de Profesións.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola rexedora de Marín, María Ramallo, destacou o valor de levar a cultura marítima aos espazos de lecer estival. A actividade organízase en torno a tres estacións de traballo interactivas, con mobiliario deseñado a partir de subprodutos do mar como cunchas de mexillón e cáscara de arroz.
Os participantes experimentan con catro oficios da cadea mar-industria. Na área de pescadores e mariscadores, aprenden a medir tallas mínimas de bivalvos e descobren artes de pesca artesanal. Na estación de observadores científicos, identifican especies autóctonas e afondan na biodiversidade. No espazo de patróns de navegación, familiarízanse co manexo de cartas náuticas e o cálculo de rutas.
Ao completar os retos, cada neno valida o seu Pasaporte de profesións do mar, un documento simbólico que os acredita como coñecedores e protectores dos recursos mariños de Galicia.
O Movemento Azul forma parte da Estratexia de Economía Azul do Goberno galego, dirixida a público dende a infancia ata os 35 anos. Tras unha fase escolar, a iniciativa desprégase durante xullo e agosto en 10 campamentos municipais e autonómicos das catro provincias, chegando a máis de 700 participantes.




