AECC saca a poxa terreos rústicos en O Grove e Moaña

A Asociación Contra o Cancro ofrece 2.166 metros cadrados en tres parcelas herdadas, con poxas abertas ata o 9 de setembro.

Imaxe xenérica de parcelas de terreo rústico en Galicia.
IA

Imaxe xenérica de parcelas de terreo rústico en Galicia.

A Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) puxo á venda pública tres parcelas de solo rústico en O Grove e Moaña, cunha superficie total de 2.166 metros cadrados, procedentes de herdanzas.

As poxas, que se xestionan a través da plataforma Escrapalia, permanecerán abertas ata o vindeiro 9 de setembro. Calquera persoa, empresa ou investidor pode participar rexistrándose de balde na web, tras depositar unha garantía de 500 euros por lote, que será reintegrada aos non adxudicatarios.
No Grove, ofrécese unha parcela de 1.390 m² no lugar do Pedregal, cualificada como piñeiral madeireiro e con acceso directo a camiño público. O prezo inicial é de 770 euros, cunha taxación de 2.566 euros.
As outras dúas propiedades atópanse en Moaña, nas contornas rurais de Penedín e Isamil. Unha delas ten 494 m², de mato e prado en pendente, cun prezo de saída de 277 euros (taxada en 923 euros). A terceira dispón de 282 m², tamén de mato e prado, cunha saída de 294 euros (taxada en 360 euros).
Estes terreos chegaron á AECC a través de herdanzas e legados. Os fondos recadados destinaranse ás actividades da entidade en investigación oncolóxica, prevención e acompañamento a persoas afectadas pola enfermidade.
Estas parcelas forman parte dunha operación máis ampla da asociación, que inclúe 12 lotes de terreos rústicos en dez localidades de oito provincias españolas, cunha superficie conxunta de 109.150 m² e un prezo inicial acumulado de 18.300 euros.