A reactivación da unidade levarase a cabo unha vez rematen os traballos para reducir a concentración de gas radon no edificio e se comprobe que as instalacións reúnen as condicións de seguridade necesarias para profesionais e pacientes. A detección de concentracións elevadas deste gas produciuse no marco das actuacións promovidas pola propia Consellería de Sanidade en materia de saúde laboral, o que levou á instalación dun sistema de renovación mecánica e controlada do aire.
A instalación dese sistema ten un prazo estimado de execución de entre dúas e tres semanas e, unha vez concluída, realizaranse novas medicións para verificar a súa eficacia. O traslado provisional da atención da saúde mental ao Hospital Nicolás Peña de Vigo, realizado o 3 de agosto por prevención, foi unha medida estritamente temporal que non supón a supresión da unidade nin un cambio permanente na organización asistencial.
Durante este período, a área sanitaria de Vigo puxo en marcha distintas medidas para reducir as molestias aos pacientes, como consultas extraordinarias en horario de tarde en Ponteareas, coordinación coa enfermería do centro de saúde, facilitación de ambulancias e solucións individualizadas para pacientes con necesidades específicas.
A Unidade de saúde mental de Ponteareas, un recurso consolidado na comarca, entrou en funcionamento en abril de 2022 para achegar a atención especializada á poboación do Condado e A Paradanta, cunha poboación de referencia de arredor de 50.000 persoas. No último ano atendeu a 2.864 pacientes grazas a un equipo multidisciplinar.
O novo Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030 prevé un investimento de 177 millóns de euros e a incorporación de 357 novos profesionais ao sistema sanitario público galego, 68 deles na área sanitaria de Vigo. Tamén se prevé estender a psicoloxía clínica na atención primaria e crear unha nova unidade de depresión resistente no Hospital Nicolás Peña.




