A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé efectos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes fixados no informe ambiental e na documentación avaliada. O proxecto desenvolverase nunha parcela do Polígono Industrial da Grela.
O proxecto, promovido por Taiga Mistral BESS, SL, consistirá nun clúster de almacenamento de enerxía formado por 2 plantas de baterías de litio-ferrofosfato (FP) con carga e descarga á rede. Cada planta terá unha capacidade nominal de 4,99 MW e estará composta por contedores con racks de baterías conectadas en paralelo e en serie.
O informe de impacto ambiental (IIA) foi elaborado no marco dun procedemento de avaliación simplificada. A documentación presentada polos promotores someteuse a participación pública sen recibir alegacións e consultáronse 10 organismos. As avaliacións consideran o proxecto viable co cumprimento das condicións establecidas en relación á protección da atmosfera, poboación, saúde, augas, solo, infraestruturas, paisaxe, xestión de residuos e patrimonio natural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor de obter todas as autorizacións necesarias, a resolución foi remitida ao órgano substantivo e hoxe faise pública no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.




