O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou a solicitude formal para que a Festa da Peixeira de Xinzo, que este venres celebra a súa XXXIV edición, reciba a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Este acordo representa un avance significativo para a promoción dunha celebración cunha marcada singularidade histórica, cultural e etnográfica.
A candidatura destaca a peculiar historia dunha parroquia de interior, sen costa, cuxas familias estiveron durante xeracións vinculadas profesional, económica e socialmente ao peixe. A figura da Peixeira, que representa ás mulleres que sustentaron as súas familias coa compra e venda de peixe, é central nesta memoria colectiva e na identidade da parroquia.
Precisamente en homenaxe a estas mulleres naceu a Festa da Peixeira, que hoxe mantén viva a tradición cunha festa popular, cultural e gastronómica, cuxo punto culminante é a tradicional sardiñada. A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, subliñou que "a Festa da Peixeira representa unha historia única que merece ser coñecida e recoñecida en toda Galicia" e que busca protexer e promocionar o legado de Xinzo e Ponteareas.
A edición deste ano prevé a degustación duns 1000 quilos de sardiñas, doadas polas propias peixeiras e chegadas da lonxa na madrugada. A festa comezará ás 19:00 horas coa misa e a ofrenda floral ante o Monumento ás Peixeiras, seguida da gran sardiñada popular ás 21:00 horas. A degustación será gratuíta, previa adquisición do prato e taza conmemorativa.
A animación musical correrá a cargo da charanga Os Imperiais e de DJ Chote a partir das 22:00 horas. O momento máis agardado será a lectura do pregón oficial ás 23:00 horas, a cargo do xornalista da RTVE Roi Groba.
Milucha Puga, membro da organización, agradeceu ao concello o inicio dos trámites e sinalou que é "un merecido recoñecemento ás peixeiras que levamos tempo desexando que se faga realidade". Tamén recoñeceu o apoio de veciños, firmas colaboradoras e donativos anónimos.
A candidatura, elaborada polo Concello, documenta a historia, antigüidade, singularidade, arraigo e valor cultural da celebración. O Monumento á Peixeira, inaugurado en 2007, é un símbolo desta tradición. A rexedora destacou a "singularidade" de Xinzo, "unha terra sen mar profundamente vinculada ao peixe", como argumento principal para obter o recoñecemento.
Co acordo plenario, remítese o expediente á Axencia Turismo de Galicia para a súa tramitación. O Concello de Ponteareas comprométese a seguir traballando para preservar a tradición, incrementar a súa proxección e converter a Festa da Peixeira nun referente turístico, cultural e gastronómico.




