A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a concelleira de Servizos Sociais, Raquel Plana, e representantes de Cruz Vermella visitaron a parroquia de Angoares para coñecer o funcionamento desta iniciativa pioneira. O obxectivo é favorecer a permanencia dos maiores nos seus fogares con "condicións óptimas de seguridade, independencia e calidade de vida", segundo destacou Raquel Plana.
Tras esta primeira instalación en Angoares, xa son dez os domicilios no municipio que se benefician destas tecnoloxías avanzadas. As parroquias de Padróns, Fozara, Arcos (dúas vivendas), Guillade, San Lorenzo de Oliveira, Ribadetea (dúas vivendas), San Mateo de Oliveira, ademais de Angoares, xa contan con usuarios deste proxecto, que sitúa a Ponteareas como referente a nivel galego.
Nava Castro subliñou que este esforzo conxunto entre o Concello de Ponteareas e Cruz Vermella "reafirma o seu compromiso cun modelo asistencial próximo, moderno e adaptado ás persoas", recoñecendo a tecnoloxía como "unha ferramenta indispensable" para os coidados comunitarios.
Os dez fogares piloto están equipados con máis de trinta sensores intelixentes conectados por tecnoloxía NB-IoT. Estes dispositivos monitorizan a seguridade doméstica en tempo real e detectan cambios nas rutinas que poidan indicar risco. Inclúen sensores de presenza e movemento, de apertura de portas e electrodomésticos, detectores de fugas de gas, lume, fume ou inundacións, e sensores ambientais de temperatura, humidade e luminosidade.
Compleméntase o despregamento con dispositivos Multivídeo que permiten videollamadas instantáneas con Cruz Vermella para combater a soidade, programas de estimulación cognitiva, exercicio físico adaptado e contidos de entretemento. Os sistemas de teleasistencia facilitan o contacto inmediato ante calquera incidencia, achegando tranquilidade ás familias.
Ademais da asistencia tecnolóxica, o convenio inclúe un plan de acción integral con obradoiros formativos para reducir a fenda dixital na poboación maior. Tamén se impulsarán campañas de sensibilización social para combater o edadismo e promover unha percepción positiva do envellecemento.




