O Concello de Ponteareas quere aclarar, ante as informacións difundidas polos grupos da oposición, que non existe neste momento ningunha sanción firme de 85.326 euros ao municipio polo derrubo da antiga Escola Infantil Municipal. O que si existe é un procedemento de reintegro parcial de fondos FEDER, actualmente en tramitación, no que se establece provisionalmente un importe afectado de 85.326,26 euros. O Concello xa presentou as correspondentes alegacións o pasado 5 de agosto, polo que o procedemento continúa aberto e pendente de resolución.
A alcaldesa, Nava Castro, explicou que "é importante que a cidadanía coñeza exactamente a situación. Non negamos que exista un expediente, porque existe. O que non é certo é afirmar que Ponteareas xa foi sancionada ou que perdeu 85.326 euros. Hai un procedemento aberto, presentamos alegacións e estamos defendendo os intereses do Concello". Na defensa presentada, o Goberno municipal solicita como primeira opción o arquivo do procedemento e que o reintegro sexa cero, argumentando que non houbo un incumprimento material dos obxectivos da actuación financiada.
As obras de eficiencia enerxética da antiga Gardería foron executadas e a instalación continuou destinada ao servizo público municipal durante anos. Ademais, o servizo de educación infantil non desapareceu, non se privatizou nin se trasladou fóra do municipio. A nova Escola Infantil Municipal do Parque Ferro Ucha iniciou a súa actividade o 27 de abril de 2026, mentres que o derrubo da antiga instalación comezou o 4 de maio de 2026, garantindo así a continuidade do servizo público.
Subsidiariamente, para o caso de que o Ministerio non acepte o arquivo do expediente, o Concello solicita a aplicación do principio de proporcionalidade. Segundo o cálculo das alegacións municipais, o eventual reintegro máximo sería de 47.263,37 euros, e non os 85.326,26 euros inicialmente afectados.
"Estamos defendendo que Ponteareas non teña que devolver un só euro. E esa defensa faise con argumentos técnicos, xurídicos e documentación. O responsable é esperar á resolución do procedemento e non converter unha cantidade provisional nunha sanción firme só para conseguir un titular político", sinalou Nava Castro.
O Goberno municipal considera necesario introducir rigor no debate, lembrando antecedentes con consecuencias económicas máis importantes na xestión de fondos públicos. Destaca o expediente do IDAE relativo á rede de calor de biomasa e mellora enerxética de edificios municipais, onde se revogou unha axuda de 805.784,47 euros dun proxecto da etapa anterior.
"Se BNG e PSOE queren falar da xestión de fondos europeos, falemos de todos e fagámolo con documentos e cifras. Non parece razoable presentar como unha perda definitiva 85.326 euros dun expediente aberto mentres se omite unha revogación de máis de 805.000 euros da etapa anterior", manifestou a alcaldesa.
A comparación económica evidencia as diferenzas: os 805.784 euros revogados son 9,4 veces os 85.326 euros provisionalmente afectados. Mesmo no escenario subsidiario, o reintegro máximo sería de 47.263,37 euros, fronte aos 805.784 euros revogados no expediente anterior, que son aproximadamente 17 veces superiores.
A diferenza fundamental, segundo Nava Castro, é que agora hai un procedemento aberto onde o Concello defende que non procede reintegro, mentres que no outro caso foi unha revogación xa acordada. "Son situacións administrativas distintas e a cidadanía merece que se expliquen con rigor", afirmou.
O Goberno municipal tamén recordou a delicada situación atopada en xuño de 2023 coa EDUSI de Ponteareas, dotada con máis de 6,2 millóns de euros. A poucos meses de finalizar o prazo de execución, máis de 1,5 millóns de euros corrían risco de non executarse, o que obrigou ao novo goberno a acelerar actuacións e pagamentos antes do 31 de decembro de 2023.
"Cando chegamos ao Concello atopamos unha EDUSI na recta final cunha cantidade moi importante pendente. Non buscamos culpables nin xeramos alarma. Puxémonos a traballar para salvar os fondos e as actuacións previstas", lembrou a alcaldesa.
Nava Castro considera que BNG e PSOE deben aplicar "a mesma vara de medir" na xestión económica. "Daremos explicacións sobre estes 85.326 euros, sobre as alegacións e sobre a resolución. Pero quen esixe explicacións tamén debe explicar a súa propia xestión", sinalou.
O Goberno municipal insiste en que a cidadanía merece coñecer a comparación completa: un expediente actual de 85.326 euros aberto co Concello defendendo o reintegro cero; unha axuda de 805.784 euros xa revogada; e unha EDUSI onde o novo goberno traballou para evitar a perda de máis de 1,5 millóns de euros.
"Non imos entrar nunha competición de acusacións. Imos responder con expedientes, documentos e cifras. Os datos son claros. Se a oposición quere fiscalizar, debe facelo con rigor e sen presentar como firme o que está pendente de resolución", afirmou Nava Castro.
A alcaldesa concluíu asegurando que o Goberno municipal seguirá empregando todos os instrumentos administrativos e xurídicos para defender os recursos públicos de Ponteareas, "incluso defendendo as súas alegacións. Esa é a diferenza: fronte ao ruído político, traballo, documentación e defensa dos intereses de Ponteareas", rematou.




