O Centro Cultural da parroquia ponteareá de Moreira será o escenario este próximo sábado, 18 de xullo, da “4ª Festa da Cervexa”. Organizada pola Asociación Cultural de Moreira coa colaboración do Concello de Ponteareas, o evento ofrecerá doce horas de música en directo, actividades gastronómicas e un encontro motero.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, xunto ao tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, presentaron o cartel, destacando o papel dos centros culturais para manter vivas as tradicións e servir de punto de encontro. Nava Castro sinalou a importancia do evento para a dinamización cultural e o lecer veciñal nas parroquias, consolidándose no calendario estival da comarca do Condado.
A apertura oficial do recinto será ás 10.00 horas, momento no que comezará a recepción de participantes da tradicional ‘Xuntanza Moteira’. Os motoristas rexistrados recibirán un choripán de benvida. Paralelamente, o Dj Rubén Bermúdez, encargado da coordinación técnica e a animación musical, iniciará unha sesión que se estenderá durante todo o día.
A proposta musical é un dos eixos centrais, cun maratón de 12 horas continuadas de concertos no escenario do Centro Cultural. A xornada comezará ás 12.30 horas co grupo “Alteanos”, seguido ás 13.30 por “Adredde solista pop”.
Na sesión de tarde, actuarán ás 17.30 a banda “Karlsbert”, ás 19.30 “Hijos de Puchini”, ás 21.30 a formación “Wilson Band” e ás 22.45 a cantante galega Tami Madoy. O concerto de peche será ás 23.30 coa banda “O Caimán do Río Tea”.
O evento tamén incluirá unha tirada de fogos artificiais ás 00.00 horas, seguida dunha sesión de clausura a cargo do DJ Rubén Bermúdez.
O recinto contará cun servizo continuo de cantina con diversas variedades de cervexa e opcións de restauración. A Asociación Cultural tamén organizará sorteos con premios sorpresa ao longo do día.
A asociación busca con esta iniciativa promover o encontro social, poñer en valor as instalacións asociativas locais e ofrecer unha alternativa de lecer cultural de calidade para residentes e visitantes da provincia.




