A Deputación de Pontevedra encherá de cultura a Festa do Viño do Condado do Tea en Salvaterra de Miño cun total de catro actividades. As actuacións musicais de Tiruleque, Sheila Patricia e Los Jinetes del Trópico terán lugar no marco do programa +Música, mentres que o espectáculo familiar “Museo encantado” de Dani García enmárcase dentro da programación do circuíto +Escénicas.
A banda Tiruleque actuará o venres ás 23:00 horas, presentando o seu novo espectáculo “Repichoca”, que mestura tradición e influencias actuais. O sábado pola noite, Sheila Patricia ofrecerá un concerto ás 23:00 horas, combinando o canto tradicional galego con música electrónica e influencias latinoamericanas. Máis tarde, sobre a 1:30 horas, Los Jinetes del Trópico presentarán o seu repertorio baseado no costumismo galego.
O programa +Música, que conta cun orzamento de 700.000 euros, celebra 93 actuacións en 58 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, promovendo a descentralización da cultura.
Ademais, o venres ás 19:30 horas, o público familiar poderá desfrutar do espectáculo “Museo Encantado” de Dani García. Esta instalación participativa inclúe catro micro-espectáculos de maxia con diferentes ritmos e conceptos.
O circuíto +Escénicas, que apoia a programación de teatro e danza en concellos de menos de 20.000 habitantes, conta cun orzamento de 204.000 euros e cofinánciase entre a Deputación e os concellos.




