A mostra, que estará aberta ata o vindeiro 13 de novembro, presenta unha coidada selección de facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida. O público poderá visitar a exposición de luns a venres, entre as 9.00 e as 15.00 horas.
A exposición fai fincapé na evolución do compromiso ético, social e político de Castelao, así como na súa destreza plástica e a súa paixón pola ilustración. O seu interese pola conxunción da palabra e a imaxe quedou patente nas súas colaboracións publicadas a partir de 1924 en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, onde a ilustración e o texto servían de vehículo para unha crítica social mordaz.
Esta faceta de arte e denuncia materializouse en obras tan significativas como Cousas da vida (1930) e os álbums de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). Ademais, a exposición inclúe retratos fotográficos, caricaturas e portadas de revistas.
O percorrido tamén inclúe A derradeira leición do mestre, obra rematada por Castelao en 1945 tras o seu exilio, considerada o seu testamento pictórico. Nesta tea, o artista fusiona ilustración e pintura para render homenaxe aos mestres represaliados tras o golpe de Estado de 1936.
No acto inaugural estiveron presentes Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo; Margarita Rosende, concelleira de Cultura; Jesús Manuel García Rey, director da oficina de ABANCA en Teo; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación.




