O festival, que se desenvolverá en seis espazos da cidade, presentou hoxe a súa programación completa, destacando filmes que chegan á Coruña en estrea mundial, española ou galega. O evento conta co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración da Axencia Galega de Industrias Creativas (Agadic) e a Fundación Luis Seoane.
A deputada de Cultura, Natividade González, sinalou durante a presentación que INTERSECCIÓN é un espazo fundamental para "dar cabida a outras maneiras de facer cinema, a propostas que arriscan, que experimentan e que non sempre teñen cabida nos circuítos comerciais". Engadiu que o cinema "ten que servir para incomodarnos, para facernos preguntas, para descubrir outras realidades e, sobre todo, para ofrecernos outras maneiras de mirar o mundo".
González tamén destacou o talento galego e a produción audiovisual da comunidade, subliñando que "en Galicia temos creadoras e creadores cunha enorme capacidade artística" e que festivais como INTERSECCIÓN axudan a "situar esa creación galega en diálogo co que se está facendo noutras partes do mundo", dándolle visibilidade e abrindo oportunidades.
A Deputación, segundo apuntou a deputada, considera que o apoio á cultura debe garantir a diversidade, a liberdade creativa e o acceso da cidadanía a propostas culturais diferentes. Por iso, "consideramos tan importante acompañar festivais coma este, que ademais de ofrecer unha programación cinematográfica, crean espazos de encontro, de reflexión e de intercambio entre profesionais e público".
Nesta edición, INTERSECCIÓN reforza a súa dimensión como punto de encontro para a industria audiovisual, coa participación de máis dun centenar de profesionais da produción, programación, distribución, xestión cultural e crítica. Máis da metade destes proceden de fóra de Galicia e un 25% chega do estranxeiro, ampliando a capacidade do festival para conectar creadores con profesionais e estruturas do sector a nivel nacional e internacional.
Durante cinco días, a cidade da Coruña acollerá esta consolidada proposta cultural que concentra diversas áreas da industria audiovisual, achegándoas ao público a través dunha axenda completa que se desenvolverá en Cantones Cine, Filmoteca, Fundación Luis Seoane e Palexco.




