A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o vindeiro martes, día 2, a audiencia preliminar dunha causa contra dous procesados por un delito continuado de roubo con forza. A Fiscalía solicita unha pena de catro anos de prisión para cada un deles.
Segundo o escrito do Ministerio Público, os feitos ocorreron ao longo de 2018, cando os acusados roubaron ou intentaron roubar en oito vivendas, un centro educativo, un vehículo e un chiringuito situado nunha área recreativa. O método empregado consistía en que un dos acusados distraía aos propietarios mentres o seu cómplice accedía ao interior para subtraer diñeiro, xoias, dispositivos electrónicos e outros obxectos. En ocasións, o home facíase pasar por empregado da compañía eléctrica para facilitar o acceso da súa compañeira.
Con esta técnica actuaron en vivendas de Ponteareas, Mondariz e A Cañiza. Tamén forzaron accesos noutros domicilios situados en Ourense, Ponteareas e As Neves. Ademais, violentaron as entradas do IES Val do Tea de Ponteareas, un chiringuito dunha área recreativa das Neves e un vehículo estacionado no acceso ao Castillo de Vilasobroso, en Mondariz.
O Ministerio Público reclama ademais que os acusados indemnicen aos prexudicados ou ás súas compañías aseguradoras por cantidades que superan os 5.300 euros.




