En Ponteareas, o Goberno autonómico e o Concello asinaron un convenio por un valor total de 350.000 euros. Desta cantidade, a Xunta achega 200.000 euros e a administración local os 150.000 euros restantes. Este investimento está dirixido a finalizar a posta en marcha da nova Praza de Abastos e obter o distintivo de 'Selo de Mercado Excelente'.
Estes fondos permitirán avanzar na fase final de apertura do novo mercado municipal e completar os traballos iniciados en 2025 cun convenio previo de 800.000 euros para a rehabilitación e deseño interior. O novo acordo prevé o equipamento do mercado e a execución das melloras necesarias para a súa apertura, incluíndo instalacións, acondicionamento de postos, mellora da accesibilidade e sistemas de control e seguridade. O obxectivo é que o edificio poida desenvolver unha actividade comercial moderna e atractiva, revitalizando un espazo clave para a economía e a vida social de Ponteareas, fomentando o consumo de produto local e reforzando o tecido comercial.
Por outra banda, o Consello da Xunta tamén deu luz verde a un protocolo de colaboración entre Turismo de Galicia e o Concello de Mos para a execución da primeira fase dos traballos de humanización na contorna da Igrexa de San Miguel de Pereiras. Este proxecto conta cun investimento de case 800.000 euros (797.000 euros), dos cales o 80% (637.600 euros) será asumido pola Xunta e o 20% restante polo Concello.
Esta intervención dá continuidade aos traballos iniciados en 2025 no antigo aparcadoiro e permitirá avanzar na transformación deste espazo, moi vinculado á vida social da parroquia. A actuación centrarase no ámbito do adro para convertelo nunha zona máis accesible de uso veciñal, cunha plataforma única que favoreza a convivencia entre peóns e vehículos, limitando a velocidade a 30 km/h e reducindo o tráfico. O proxecto inclúe zonas verdes, arborado e novo mobiliario urbano. A área de actuación afecta á contorna de protección de elementos do catálogo patrimonial, como a Igrexa, que data de 1788.
“"Esta igrexa ten un destacable interese local polo seu patrimonio artístico e o papel como centro social e histórico de Mos."
“"Gañar un lugar de encontro máis seguro e sen perder o seu carácter histórico."




