Esta significativa inversión, destinada a impulsar o desenvolvemento turístico e cultural, foi destacada polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, durante unha visita á localidade. A actuación busca non só mellorar a calidade de vida dos veciños, senón tamén reforzar o atractivo de Pazos de Arenteiro como un enclave singular.
O proxecto foi o único seleccionado na provincia de Ourense dentro do Programa de Mellora da Competitividade e Revitalización do Patrimonio Histórico con Uso Turístico en Bens de Interese Cultural (BIC). A nivel estatal, financiaranse 89 proxectos, catro deles en Galicia.
A aposta clara e importante do Goberno de España polo rural
O subdelegado do Goberno subliñou que esta inversión "permitirá impulsar o potencial turístico de Pazos de Arenteiro e reforzar a cohesión social e territorial". As obras xa en marcha inclúen a renovación de pavimentos, o soterramento de liñas eléctricas e de telecomunicacións, a mellora da iluminación pública e a rehabilitación dun inmoble municipal que albergará un centro de interpretación, unha aula de formación e un espazo dixital.
A alcaldesa, Patricia Torres, agradeceu o apoio do Executivo central, sinalando que a iniciativa "supón unha oportunidade histórica para consolidar Pazos de Arenteiro como referente turístico e patrimonial do interior de Galicia".




