As tres carpas instaladas no recinto experimentaron unha afluencia continua de veciños e visitantes dende primeira hora da mañá ata o peche. A resposta do público foi destacada pola propietaria de Futboleros Carballiño, Silvia Asorey, quen sinalou que o sábado é tradicionalmente un dos mellores días e que o tempo acompañou sen calor extrema. "Como norma xeral destes primeiros días, estamos contentos", afirmou.
Desde Coquetta, tenda de lencería, Liliana Pérez afrontou esta edición con "moitas ganas", tras a súa primeira participación no inverno. O seu posto tivo unha notable afluencia, o que, segundo ela, demostra "o bo apoio polo momento".
A responsable de Plumetti, Marina González, xa notara unha boa acollida na inauguración e incidiu na asistencia do día de onte: "Esta campaña está indo xenial, hai moita xente". Mares engadiu que entre os asistentes había unha importante presenza de turistas.
Varias clientas tamén valoraron positivamente o inicio da feira. Lupe Pérez, veciña de Leiro, achegouse atraída polos descontos, destacando que "gústanme moito as ofertas que ten".
María del Carme Fernández, residente na localidade, considera que a iniciativa "dalle moita vida a Carballiño en verán e en inverno", aínda que nesta ocasión botou en falta algún posto de comida, xa que acudía principalmente por ofertas de roupa.
Nesta mesma liña, Eva Fernández cualificou o evento como "unha cita moi necesaria".




