O incendio forestal, que se orixinou tras arder a parte traseira dun autobús na AG-53, ao seu paso por San Cristovo de Cea, xa foi dado por estabilizado. O lume propagouse á parroquia de Lamas, o que obrigou a cortar a estrada entre os quilómetros 65 e 73 en sentido Ourense.
Os feitos ocorreron pasadas as 17:45 horas no quilómetro 70 da vía. Ningún dos ocupantes do autobús resultou ferido, segundo informou o servizo de emerxencias 112 Galicia. Porén, o incendio estendeuse á vexetación próxima, o que requiriu un dispositivo específico para a súa extinción.
A Consellería do Medio Rural rexistrou o incendio forestal ás 17:51 horas e logrou estabilizalo ás 18:30 horas. No operativo de extinción participaron dous técnicos, tres axentes, catro brigadas, dúas motobombas, dous helicópteros e dous avións.
Tamén colaboraron nos labores os Bombeiros do Carballiño, Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico. Esta última foi a encargada de cortar a circulación na estrada mentres se realizaban os traballos de control do lume.




