O evento, promovido pola Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño coa colaboración do Concello de Ribeira, busca descentralizar a actividade cultural e dar visibilidade ao talento local e da contorna.
Cinco agrupacións musicais amosarán o seu repertorio de música tradicional. Participarán o Grupo de Canto e Percusión As Sete Linguas, o Grupo de Pandeireta Bailadela, o Grupo da A. F. Chorimas de Queiruga, o Grupo Tradicional Os Liantes de Artes e a Banda Lorelia, anteriormente coñecida como Paracetafolk.
A presentación do festival contou coa presenza da concelleira de Cultura, Ana Barreiro, o vicepresidente da asociación, Unai González, a directiva Ramona Sampedro, e a profesora Manola Valiño.
“"Temos unha nova cita co noso folclore que se levará, nesta ocasión, a unha das nosas parroquias, descentralizando así tamén a actividade cultural do centro neurálxico do municipio. Este festival xa está consolidado do calendario municipal e eríxese como un escaparate do talento das nosas agrupacións de música tradicional, así como doutras da nosa contorna."
Ao remate das actuacións, os asistentes poderán participar nunha foliada libre, continuando así a celebración da música popular galega.




