A Concellería de Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal informou sobre unha serie de axudas, prestacións e programas municipais que abranguen dende o ámbito da vivenda ata o turismo social, pasando por apoios específicos para colectivos vulnerables. O obxectivo é que a cidadanía coñeza os recursos dispoñibles e poida acceder a eles coa orientación e o apoio dos servizos municipais.
En canto ás axudas para a adquisición ou autopromoción de vivenda, están dirixidas a menores de 36 anos en concellos galegos de ata 10.000 habitantes. O prezo máximo de adquisición ou custo de autopromoción é de 250.000 euros, cunha subvención de ata o 20%, limitada a 15.000 euros por vivenda. O prazo de solicitude estará aberto do 27 de agosto ao 16 de novembro de 2026, ou ata esgotar o crédito.
Tamén se detallan as axudas para vítimas de violencias sexuais, destinadas a mulleres, nenas e nenos empadroados en Galicia que cumpran os requisitos económicos e acrediten a súa condición. A contía varía segundo as circunstancias familiares e de discapacidade. O prazo para presentalas é do 24 de agosto ao 30 de outubro de 2026.
Para persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), maiores de 18 anos e empadroadas en Galicia con polo menos seis meses de antigüidade e recoñecida dependencia, existen axudas para sufragar gastos non cubertos polo sistema público. Estas poden incluír produtos de apoio, adaptacións na vivenda, vehículos ou servizos asistenciais, cunha axuda máxima de 12.000 euros por persoa. O prazo de solicitude é do 6 de agosto ao 3 de novembro de 2026.
Ademais, Servizos Sociais sinala novidades na prestación económica de asistencia persoal, que favorece a autonomía de persoas en situación de dependencia. A actualización da protección adicional da Comunidade Autónoma de Galicia ten efectos desde o 1 de maio de 2025 e será realizada de oficio.
Finalmente, respecto ao Programa de Turismo do Imserso, a comercialización das viaxes para a tempada 2026-2027 en Galicia comezará o 14 de setembro para usuarios preferentes e o 15 de setembro para non preferentes. As reservas poderanse formalizar a través das plataformas de Turismo Social, Mundicolor ou axencias autorizadas.
As persoas interesadas en obter máis información sobre requisitos, prazos e procedementos poden dirixirse aos Servizos Sociais municipais na praza da Constitución, nº 3, ou ao Centro Sociocomunitario na rúa Castelao, nº 5. Tamén se facilitan os teléfonos 981 832 764 e 881 866 280, e o correo electrónico servizos.sociais@apobra.gal.




