Esta intervención ten como obxectivo principal conectar a liña costeira cos corredores ecolóxicos fluviais, aumentando a permeabilidade cara ao mar e logrando unha maior integración ambiental e paisaxística na zona.
Entre as melloras previstas, construirase unha rampla accesible para a praia de Coroso e crearase unha nova área deportiva que incluirá unha pista e unha zona de calistenia. Ademais, as varandas existentes serán substituídas por bancos continuos de pedra, o que permitirá unha mellor harmonización coa contorna e a creación de novas zonas verdes.
O orzamento inicial para a licitación ascendeu a 170.190,90 euros, incluído o IVE. Este financiamento provén dun convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Ribeira, enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) con fondos Next Generation.
A empresa adxudicataria, seleccionada entre cinco ofertas, presentou a mellor proposta económica por un importe de 155.791,90 euros, impostos incluídos. Unha vez formalizado o contrato, o prazo de execución das obras será de mes e medio.




