A obra, froito da colaboración entre a debuxante de banda deseñada Alba Ceide e o xornalista Óscar Losada, foi presentada a dúas semanas da conmemoración do Día Internacional do Libro. Este cómic biográfico mergúllase na traxectoria dunha investigadora que, a principios do século XX, realizou unha tese de doutoramento fundamental sobre o galego.
“"Considero que é unha lectura moi interesante e amena para o público en xeral, pero, especialmente, para os máis novos. Tamén é un exemplo de como o galego vai gañando terreo na banda deseñada, a cal vai collendo máis pulo, e de especial recoñecemento aos seus autores tratar o xénero biográfico en versión cómic."
A concelleira de Educación e Promoción da Lingua, Nucha Brión, destacou a importancia da obra como ferramenta educativa e de fomento da lectura, subliñando que a literatura serve como mecanismo fundamental para a transmisión de información e o desenvolvemento do espírito crítico e a creatividade. A través das páxinas do cómic, os lectores acompañarán a Margot Sponer nas súas viaxes por Galicia en 1926, explorando a cultura local e as súas xentes.
A estadía de Sponer en Galicia non só resultou na súa pioneira tese de doutoramento, senón que tamén forxou amizades con figuras da Xeración Nós. O cómic tamén aborda os acontecementos posteriores vividos no seu país co ascenso do nazismo. Óscar Losada, coautor da obra, fixo fincapé na necesidade de seguir divulgando a historia das mulleres a través da literatura, poñendo a Sponer como exemplo de amor polo idioma galego.
Losada e Ceide explicaron o rigoroso proceso de investigación detrás do cómic, que buscou evitar incongruencias visuais e históricas. Gran parte da información foi obtida do estudo Margot Sponer: do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa. Alba Ceide engadiu que as ilustracións seguen un deseño realista, baseándose nas dúas únicas fotografías coñecidas de Sponer, xa que o réxime nazi eliminou gran parte da información sobre ela tras o seu asasinato. A paleta de cores da obra reflicte esta dualidade, con tons máis alegres para as escenas en Galicia e máis sombríos para as de Alemaña.




