As rúas de Rianxo vibrarán este verán ao ritmo de rock, jazz e música tradicional galega, ademais de acoller eventos gastronómicos e citas culturais para todos os públicos. A programación deseñada polo Concello busca dinamizar o municipio durante os meses estivais.
Entre as propostas destacan a Feira do Libro, que se celebrará do 23 ao 26 de xullo con sete casetas previstas, e o festival de muralismo Viladomar, xa en marcha ata o once de xullo. A mocidade terá a súa cita coa Rianxo Gaming o 11 de xullo, unha feira de videoxogos enfocada á gamificación.
No eido gastronómico, as festas da Xouba (22 ao 26 de xullo) e a XV Festa do Mexillón (1 e 2 de agosto) son citas ineludibles. A música será protagonista co festival Noites de Jazz (28 ao 31 de xullo), que inclúe un curso de Big Band impartido polos integrantes da Escola de Música de Rianxo (EMR).
A Banda Xuvenil da EMR percorrerá as parroquias co seu ciclo de concertos, mentres que o XXI Ciclo de Bandas de Música contará coas bandas de Noia e Serra de Outes, e a propia EMR pechará cun concerto de bandas sonoras de cinema infantil o 25 de xullo.
A música e a danza tradicionais tamén terán o seu espazo co XXII Festival da A. C. Fogo Fatuo (4 de xullo) e o espectáculo Danza 3. A música galega estará presente con grupos como Residuos atractivas, A banda das Crechas ou Faltriquiera.
A divulgación científica chega coa charla sobre a eclipse de sol do 12 de agosto, a cargo de Paula Cambeses Franco e José Ángel Docobo Durántez. O festival de monicreques Titiriberia regresará do 18 ao 23 de agosto, xunto a outras propostas de teatro de rúa.
O rock soará forte co festival Rock in Rian os días 14 e 15 de agosto, mes que tamén acollerá un ciclo de monólogos. O auditorio municipal albergará exposicións como a do XIX Certame de Arte Isaac Díaz Pardo e Tanxarina. 40 anos de monicreques.




