A Garda Civil, no marco da Operación ZAGUANES II, logrou desarticular unha organización dedicada ao tráfico de estupefacientes a pequena escala e a roubos para financiar a adquisición de drogas. O operativo desenvolveuse durante varias semanas en localidades como Boiro, Rianxo e A Pobra do Caramiñal, culminando coa desactivación de tres focos de distribución minorista e a detención de sete individuos.
A investigación, que se estendeu por un mes, comezou o pasado 13 de marzo cunha inspección nun establecemento hostaleiro en Taragoña, Rianxo. Alí, os axentes detiveron a un home de 33 anos con 21 doses de cocaína e 1.080 euros. A parella responsable do local tamén foi detida por tenencia ilícita de armas, ao incautárselles unha pistola do calibre 6,35 mm.
Posteriormente, o 25 de marzo, en A Pobra do Caramiñal, foron detidos un home de 36 anos e unha muller de 25 por un roubo con forza nun establecemento de estética, onde subtraeron aproximadamente 400 euros. Dous días despois, o 27 de marzo, en Boiro, detívose a un home de 22 anos nas inmediacións do muelle de Escarabote, ao que se lle interviñeron 107 doses de heroína ocultas nunha marquesiña de autobús.
Xa en abril, o día 4, en Rianxo, detívose a un home de 43 anos pola súa implicación en múltiples furtos e roubos con forza en supermercados, establecementos de electrodomésticos e vehículos da zona. O punto álxido da operación tivo lugar o 8 de abril en Boiro, cun rexistro domiciliario onde se atoparon 203 doses de cocaína, 118 de heroína, 2,56 gramos de haxix e 2.252 euros. Finalmente, o 14 de abril, desactivouse un terceiro punto de venda nun edificio residencial do centro de Rianxo, con tres detencións adicionais.
“"Unha vez concluída a operación, a Garda Civil do posto de Boiro poñía a disposición xudicial as drogas, diñeiro e arma decomisadas, así como aos sete detidos para quen a autoridade xudicial decretaba ingreso en prisión provisional sen fianza para a principal investigada e para o varón de 43 anos detido en Rianxo."
Dous dos sete detidos ingresaron en prisión provisional sen fianza, mentres que o resto dos implicados quedaron a disposición dos Tribunais de Instancia de Padrón, Ribeira e Boiro. Con estas actuacións, a Garda Civil considera desmantelados tres importantes puntos de venda de estupefacientes na comarca do Barbanza.




