A formación socialista de Ribeira expresou a súa oposición á medida do executivo local de instalar vinilos nos escaparates de establecementos pechados. Consideran que esta acción non é máis ca un intento de ocultar a crise comercial e o fracaso do modelo económico implementado na localidade.
Segundo os socialistas, o goberno municipal está a "vender como embelecemento o que non é máis que propaganda pagada con fondos públicos para tapar o abandono que eles mesmos xeraron". Sinalan que, mentres se anuncian estas "pegatinas", os lazos da campaña Enlaza Ribeira "podrecen nas árbores do centro", evidenciando unha falta de proxecto real para a cidade.
“"A alcaldesa actúa seguindo unha lóxica propia de Shary Bobbins, na que o importante non é resolver os problemas, senón agochalos e que non se vexan. O resultado será o de sempre: unha chapuza total."
Ademais, a oposición argumenta que esta política favorece aos propietarios que non cumpren coas ordenanzas municipais, en detrimento daqueles que si o fan. Critican que se "premie a quen afea e frea Ribeira en lugar de impulsar a quen si se esforza e cumpre coas normas", o que, ao seu xuízo, contribúe á desaparición progresiva do comercio local.
No ámbito industrial, os socialistas tamén denunciaron a ausencia de avances no polígono de Pedras Vermellas. Afirman que a falta de financiamento e un calendario definido está a impedir a chegada de novas empresas e limitando o crecemento das xa existentes debido á escaseza de chan industrial.
O PSOE de Ribeira levará ao próximo pleno dúas iniciativas relacionadas co polígono industrial e a imaxe urbana da zona comercial. Insisten na necesidade dunha planificación seria, con "proxectos reais e compromisos concretos orientados á creación de emprego, á atracción de investimentos e ao coidado dos espazos públicos", en lugar de "iniciativas que só buscan ocultar a realidade".




